Saturday 29 de June de 2024

A Coruña reforzará a súa oferta gastronómica este verán coas xornadas ‘A Coruña, que bonito!’


As xornadas celebraranse do 16 de xullo ao 18 de agosto, podendo participar calquera restaurante da cidade

O prazo de inscrición abrirá desde hoxe e ata o 19 de xuño e as bases poden consultar na páxina web de Turismo A Coruña

A oferta gastronómica da Coruña para este verán verase reforzada coa celebración das xornadas ‘A Coruña, que bonito!’, que se desenvolverán na cidade entre o 16 de xullo e o 18 de agosto. O Concello da Coruña organiza esta iniciativa con tres claros obxectivos: poñer en valor a excepcional calidade dun produto do mar como é o bonito, potenciar a competitividade do turismo gastronómico na cidade desenvolvendo actividades de calidade baseadas na identidade do territorio e a súa tradición culinaria e apoiar o sector da restauración. A iniciativa forma parte das medidas postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para impulsar eventos gastronómicos que contribúan á potenciación do turismo e aporten novas ofertas aos cidadáns.

A participación está aberta a calquera restaurante da cidade, se ben limitarase o número de participantes a 30. Os locais que opten por formar parte destas xornadas deberán incluír na súa carta un menú, prato ou oferta gastronómica na que o bonito da Lonxa da Coruña sexa o protagonista, podendo presentar ata un máximo de 3 propostas diferentes.

As inscricións poden formalizarse desde hoxe, 6 de xuño, ata o 19 de xuño ás 14.00 horas, na páxina web de Turismo da Coruña. A participación é gratuíta e as bases poden consultarse aquí.
A gastronomía local é un dos piares fundamentais do turismo na cidade. A excelente calidade dos produtos e a variada oferta gastronómica son un dos principais motivos polos que A Coruña é un referente na cociña atlántica en España e Europa. Restaurantes con estrela Michelín e varios Sol Repsol, locais de tapas e viños, tabernas típicas… A forte ofertahostaleira da cidade reforza que A Coruña sexa un reclamo turístico para todas aquelas persoas amantes da boa gastronomía. Unha gastronomía moi local que se presenta ao mundo como parte da cultura de vivir dos coruñeses.